quinta-feira, 27 de novembro de 2008

Coma un neno con zapatos novos


Cando aínda gatexaba facía tódalas mañás os deberes concienzudamente. Ía até o moble zapateiro da entrada, abría as portas non sen esforzo e observaba emocionada.
O interior estaba cheo de pares de executivos, de zapatos de tacón, de botas de auga de cores escuras... Calzado serio de goma, resistente, duro e grande.
No medio de todos aqueles zapatos de adulto estaban os meus patuquiños brancos de tea cunha liña azul e debuxiños amarelos. Nunca deixaba de facerme graza ver os meus patuquiños de cores que nin sequera valían para poñelos pola casa formando parte daquel montón de zapatos poderosos que saían ao exterior a enfrontarse cos elementos.
Cada mañá voltaba para comprobar que os maiores non cambiaran de opinion e excluíran o meu tesouro multicolor do moble da entrada. E de cada vez voltaba tan divertida coma satisfeita, gatexando até a sala, fascinada por aquel feito sen xeito ningún.




A todos os que pasen por aquí: ¡ Sexan benvidos e teñan paciencia coa inexperiencia!
Nela.