sexta-feira, 17 de abril de 2009

GO RIMBAUD!

"Hai que mirarlle as tripas a tódolos monstruos"

Rapaza do Arco


Alén das linguaxes reais
hai unha gata que miaña,
Cos ollos desencaixados
E a melena a rastras
Unha Maga que non para de camiñar.

Bailando sobre o fuso que xira
No nome dos que a queren ver caer.
Xamáis dúas ás de vespa
Puxeran tanto medo nos vellos dos tirantes.
Morcego aterecido co sangue blues
Chiando as noites máis frías.
Quen ten o valor de dicirlle que non cante núa?


É máis ceibe do que serás na vida, Bob.
Deixadea voar
Ao cabo, quen sabe o que é normal?
Desconfían porque fai versos das cores
Que nin ti nin eu viamos.
Ollala é comprender o milagre,
A chave da Gloria dos Inmortais.
Se os idiotas souberan...
pero a quen lle importa o que non entende?

Eu entendín as súas mans de avoa recén Nada
E se mo pedise, aprendería os pasos imposíbeis
Para bailar con ela o watusi.
Bailaremos xuntas o watusi
para que nos chamen tolas

Eu vina, cosimos os ollos, e compartimos planeta

Un felino á espreita alén do cristal
En verdade saltou no soño
Atravesando o vidro
Sobre mín

Mil anacos afiados chovendo en slow motion
E eu baixo ela, co sorriso dos suicidas.


Nalgures os señores aferraron os tirantes sobre a panza
vendo como ela me ollaba con ollos marelos
Tumbadas nun chan de reflexos
Vin os sete arcos da vella
e ela cravou o fío
na comisura
e o sangue

que zugou

atravesoume

a boca


E a lingua
Xuraría que bailaba
Mentres chegaban

Os Cabalos.

segunda-feira, 6 de abril de 2009

O CARTÓN DE LEITE DE KEVIN COSTNER

En primeiro lugar quero deixar clara unha cousa: todo o mundo ten un pasado. Kevin Costner, por exemplo, tiña un pasado glorioso. Escarallouno si, pero era un pasado glorioso.


Dito esto confeso. Aos 11 anos estaba namorada de Kevin Costner. Coleccionaba fotos súas. Vin todas ou case tódalas películas del. Algunhas delas tiña que velas a escondidas, as de maior proveito polas escenas de sexo nas que me recreaba. As miñas tías por reis -aínda que elas eran máis de Robert Reford- agasalláronme cun super poster da súa cara bonita que puxen trala porta pa vela dende a cama.


Véndoo en perspectiva non é tan grave: nunca gostei de ningún triunfito, ou dos cachondos que nos empaquetaban na adolescencia. A mín me gustaba a cara de ver le lonxe de Costner, a súa pose de machote duro pero de doces ollos verdes e que no fondo sempre era boa persoa.


Hoxe, facendo zapping atopei unha peli relativamente recente que protagoniza: Mr. Brooks. O primeiro que pensei foi na frase de Cris de Family Guy "No lo entiendo. ¿Por qué siguen ofreciéndole papeles a Kevin Costner?". Depois, que era a mesma personaxe de sempre só que desta vez era un asasino en serie. Pero entón cheguei á escena! A imaxe que reproduzo aí arriba veu a corroborarme unha tese que durante a miña amplísima papación de filmes do actor vin elaborando:


¡¡¡¡¡¡¡¡¡En tódalas súas películas hai unha escena na que Kevin Costner vai ao frigo e bebe leite!!!!!

A cumbre do actor foi caseque o seu estrelato: Bailando con lobos. Dende entón todo o que fixo foi mierda. Eu teño a firme convicción de que o pobre pobre Costner, de recoñecido carisma seica, liouse coa moza do seu representante e a partires de aí os malos consellos levárono polo camiño do fracaso.


Pero o que hoxe quero exponer é moito máis interesante. Dende aquela en tódolos films que protagonizou, antes ou despois a súa personaxe acode á xeladeira (esceptuando Robin Hood e Waterworld por razóns obvias), extrae o cartón de leite e bebe -xeralmente a morro porque é moi machote, aínda que nesta imaxe dalle un toque de clase ao minucioso asasino usando un vaso-.

Diredes vós: "é unha imaxe común no cine americano contemporáneo"; ou "é que cenan moi cediño". Pero, coa seguridade de que ningún de vós se vai poñer a revisar toda a súa filmografía, podo afirmar e afirmo apoiandome no meu extenso coñecemento deste que non se trata dunha casualidade. É o toque Costner.
O detalle fíxome reflexionar. A qué se debe este xesto co leite? Atopei 3 posibles razóns:


a. A imaxe de home duro e seguro de si mesmo naceu como contrapartida á imaxe da personaxe principal do cine americano dos anos 20 a 40. Os güisquis secos ou con xeo, ou batidos sen mesturar estaban sempre tralo protagonista oscuro, crápula, tendente á depresión, mullereiro e ás veces misóxino. Esta linda imaxe, grazas sobre todo ao seu reflexo na vida real en persoeiros coma presidentes, etc. acabou por cansar. Agora o que mola é ser un americano sanote. Iso pon mogollón. Beber leite porque somos uns yankees seguros e dicir "Dios bendiga América".
... Oh, meu Deus! Kevin Costner é republicano!


b. Costner, vendo a que se lle viña enriba profesionalmente, contratou cunha multinacional de leite, a cambio de facerlles publicidade, unha comisión.


c. Trátase dunha aposta con algún compañeiro na súa etapa de estudante na escola de Arte Dramático.


Non sei, eu sigo a darlle voltas. Vos que pensades?

domingo, 5 de abril de 2009

Nace a primeira revista galega de banda deseñada



Este é Liam -aínda que me saíu cun aire a Tosar-. É fillo de Fran Bueno. Coñecino nunhas páxinas que recollen a primeira entrega de Amor Inmortal, do guionista estadounidense Jay Faerber. Trátase da revista Galimatías.


A verdade é que me sorprendeu gratamente o achamento. A revista ven con El Correo Gallego cada quincena. O venres pasado foi o primeiro número. Pensei que chegaba no momento xusto en que comezábamos a sentirnos ursiños en perigo de extinción, sen outra alternativa que recollérmonos nunha cova coas nosas ideas estrañas sobre algo chamado cultura nacional e minucias coma a lingua ou a identidade.


Lino na cama. Pola noite soñei con Liam. Dicíame que quería entrar pisando forte. Mesmo atopou refuxio nos mundos eléctricos. Pedíume que non o deixase desaparecer, que o pintase de vermello, a cor da língua e do sangue.