segunda-feira, 18 de julho de 2011

Debux arte

Ilustración feita a primeirísimos dun chuvoso ano 2009...

domingo, 5 de junho de 2011

"Llangrista"







Now the wind speaks in the branches
Now the wind speaks, saying:
"Hold on to something, and watch it go.
Everything you love will end up on the breeze.
The roots that held the tree down left a deep hole,
full of water, reflecting sky."



Non sexas tonta, non fiques aquí-
Dixo teu pai sosténdote a man
Co peso de mil mundos baixo a gorxa.

Ti corres entre as hortas coas alpargatas roxas,
O sol no alto, chámate mamá.
Ela non te deixaba pero ti ficarías
comer na casa de cada veciño, coma os gatos.

Sei que estás
nas mans quentes,
Na serpe que aínda danza baixo a carne
No pulso que aperto.


Por que me queredes tanto?



Buscámoste a vida cos beizos.
E segues cheirando tan ben...



Porque cociñabas gaivotas,
Debuxabas cores para nós,
Sacábasnos palotes das orellas-
Até diante do espello, maldita suspicacia infantil-
Vestíasnos de gaita e deixábasnos conducir...

Sempre agardabas na porta, iangrista. Gracias.
I eu lembro a túa gargallada danzando na punta do pe.
E os ollos
–un mar com estrelas!-
Apuntara aquel neno que levabas da man.





Alongamos o abrazo horas pra espantármonos o medo...
Pero a maldita lúa atopounos aquí,
Soñando que aínda eras unha guedella branca entre o escuro.


E coas pupilas abandoándote,
Escapándose entre os beizos,
Unha música de animal ancestral.

A maga da primavera que coñeciamos
Volveuse reliquia dourada.


Non nos fica máis que a actividade
Para a que viñemos aquí:
Lavar ouro
E espacir na infinita trascendencia do aire
As lembranzas feitas pó.


quinta-feira, 19 de agosto de 2010

I am not dead yet


Desempolvando o Mundo Entrópico.



THE PERFORMANCE IS ABOUT TO BEGIN...



domingo, 15 de novembro de 2009

Sakamoto, o segredo das bágoas

Todo o que pretenda seguir lendo debe escoitar esta composición con suma atención e receptividade:



Escoitei esta melodía o pasado venres no concerto que Ryuichi Sakamoto deu no Auditorio de Compostela. Eu descoñecía case completamente a este músico, soamente escoitara falar dalgúns dos seus éxitos como compositor. Tampouco non escoitara esta peza e só a atopei por internet de oído posto que non coñecía o nome. Non sabía a historia de shining boy&little randy. Se o grande mestre a compuxera inspirado na súa nai, na súa infancia, un grande amor ou en nada máis que unha beleza abstracta que buscaba ser formada. Porén, cando escoitei esta canción dende a fila dez, para a miña sorpresa e do meu acompañante, chorei.


Á entrada do concerto atopárame con dous profesores meus de literatura cos que analicei centos de poemas con miles de recursos pra conmover. Quedei coa gana (e case mellor) de dicirlles á saída "Joder, isto si que foi movere".


Reflexionei na escuridade, co nariz conxestionado e case desexando que o home tocase algo feo antes de que acenderan as luces, sobre a miña descontrolada reacción. Por que nese momento sentía moitísimo máis cercana a melodía asiática que os ilustres versos coñecidos dende a infancia? A historia que narraba shining boy&little randy era do máis íntimo e persoal, falábame do que máis me emocionaba e sen palabras. Non foi un proceso cognitivo o que empurrou as bágoas meixelas abaixo senón fondamente persoal e intransferíbel. O que leva facendo a música dende que é música.


Lembrei entón o que unha vez me dixera miña nai sobre a poesía actual. Explicábame a frustración que sentía ao non "entendela". Eu dixéralle que as palabras debían suscitarlle emocións, suxerirlle, non dicir nada inequívoco que ela tivese que entender. Non debía entender a poesía senón sentila.


Na ateigada sala do Auditorio pensei que o xeito de desfrutar intensamente aquela composición descoñecida que viña dende o outro lado do planeta era moi semellante ao que teño de desfrutar a poesía, a linguaxe, as palabras igual de innecesarias para comunicar, igual de molestas.


Non lembro quen dixera algo así como que os filósofos sempre intentan dominar a linguaxe, os poetas violala, e que ambos están avariados.. Supoño que por iso sempre acabamos todos coas nosas frustracións recorrendo á música.

quarta-feira, 10 de junho de 2009

Fotosíntesis required





Estamos a 10 de xuño e o tempo segue igual de repugnante que cando comezou o curso. Chuvia, chuvia e máis chuvia. Se vivise nun baixo xúrovos que pasaría medo.






Sentindo a mesma indignación que Guille recuperei unha historia que fixen cando parecía que o sol chegaba pra quedarse hai uns meses... pero non.






Seica o venres volve o sol e a calor. Estou preparando unha boa corda pra apresalo en canto apareza e atalo á varanda do meu balcón. Muahahaaa ¬¬ . Sei que iso significaría non ter noites, pero estaría ben polo menos durante un tempiño. Ao cabo, se os suecos poden, nós tamén!






Clicade nela pra vela. Agardo que vos guste, e por favor facede caso omiso ás faltas de ortografía (o corrector de Word évos unha ferramenta moi traizoeira e eu moi preguiceira pra volver empezar de 0).





quarta-feira, 3 de junho de 2009


"And I know it won't be long

to find myself a resting place

in my angel's arms, in my angel's arms."







Canto te quero, velliña...
Ai, meu deus, non te me vaias.
Miña velliña, canto te quero...

Lembras cando ti eras soia,
E eu cheguei tamén solo
E non marchei nunca
E fixemos un mundo, velliña,
No-los dous
No- los dous xuntos



Eras un anxo i eu miraba para ti
Mirábate e, meu deus, dábasme todo


Canto te quero, velliña...


Canto te quero, velliña...


Canto te quero, velliña...


Non me deixes aquí solo…








E a velliña,entre os seus brazos, apagouse pouco a pouco…

sábado, 30 de maio de 2009

SÍNDROME DE FELIPE ou PRINCIPIO DE DISPERSIÓN




Existe un principio básico do comportamento humano que funciona igual que a entropía. As persoas vagan libremente pola súa vida, coas súas ocupacións favoritas. Sae o sol, vamos á praia. Vaise o sol, vexamos esta peli, leamos este libro, etc. Incluso hainos que desfrutan máis facendo cousas produtivas! E no outro extremo os que desfrutan facendo NADA; nada de nada.


Pero dáse o caso de que se colles a todas esas persoas e lles impós certa tarefa pesada copiosa e sen copiar, todas tenderán a dispersarse máis nesas ocupacións predilectas. Incluso ás que desfrutaban facendo nada entrarálles gana de ir a praia, de ler, de facer un herbolario de fungos en perigo de extinción.



Como as tarefas impostas teñen sempre un prazo, prodúcese un fenómeno mediante o cal a reducción do tempo faise inversamente proporcional ao estado de alteración das persoas en modo de dispersión. É dicir, a parsimonia coa que se adicaban a estes pasatempos, que se alonxan dos impostos, nun principio vaise tornando en histeria propia dun bipolar ou dunha persoa con principio de desdobramento de personalidade. Isto é, fuxindo da obriga, acoden cada vez máis illadamente a "suh cosas" pero cada vez máis o resorte en forma de coello branco con reloxo de peto failles mudar a expresión e saltar do sofá entre "merda! non podo!", tirar o libro sobre a cama cun "coño, céntrate!" ou a pelota de teu amigo entre as ondas e abandoalo entre "teño que marchar! non me da tempo!".


Este incremento do desexo de facer certas cousas só polo feito de ter imposto facer outras é o que din en chamar O SÍNDROME DE FELIPE ou PRINCIPIO DE DISPERSIÓN. Para mín funciona paralelamente ao principio da entropía que di-referíndose neste caso a partículas-: todo tende ao caos.


Coido que todos sufrimos nas nosas carnes este terríbel fenómeno, ou como diría Soñadora "é algo que todos coñecemos". Din que se cura con "disciplina" que ven sendo o nome que nos colexios de monxas se lle deron a ir en contra das leis naturais.


Estades lendo unha clara mostra deste principio. Vou ver se fago algo do meu traballo pero non me penso resistir ás ganas de poñerme o bikini dentro dunha hora e saír darme un bo baño ao sol. ¡Que teñades unha feliz época de exames!