quinta-feira, 27 de novembro de 2008

Coma un neno con zapatos novos


Cando aínda gatexaba facía tódalas mañás os deberes concienzudamente. Ía até o moble zapateiro da entrada, abría as portas non sen esforzo e observaba emocionada.
O interior estaba cheo de pares de executivos, de zapatos de tacón, de botas de auga de cores escuras... Calzado serio de goma, resistente, duro e grande.
No medio de todos aqueles zapatos de adulto estaban os meus patuquiños brancos de tea cunha liña azul e debuxiños amarelos. Nunca deixaba de facerme graza ver os meus patuquiños de cores que nin sequera valían para poñelos pola casa formando parte daquel montón de zapatos poderosos que saían ao exterior a enfrontarse cos elementos.
Cada mañá voltaba para comprobar que os maiores non cambiaran de opinion e excluíran o meu tesouro multicolor do moble da entrada. E de cada vez voltaba tan divertida coma satisfeita, gatexando até a sala, fascinada por aquel feito sen xeito ningún.




A todos os que pasen por aquí: ¡ Sexan benvidos e teñan paciencia coa inexperiencia!
Nela.

4 comentários:

A Raíña Vermella disse...

Benvida por fin! Non pensarías que ías pasar desapercibida durante moito tempo, verdade? Encántame o deseño e o nome (case tanto c0omo aquela mítica definición de entropía) así que promete, promete... ;)

O pastor eléctrico disse...

Benvida! Agora que o blogomillo anda algo apagado fan falla novas incorporocións, esta semella moi interesante. Ánimo e que non decaia!
Que riquiña a foto por certo :)

A rapaza do arco disse...

Que linda cos teus lentes e toda concentrada no pé! pois o dito: benvida!! atopar xente nova desta banda tamén anima a seguir por aquí, explorando (digo eu, que teño a blogoesfera -e o meu nicho- un tanto desatendida)
Andarei pendente, que é certo que promete ^_^

Nela disse...

Moitas gracias aos tres!!! ^^
Intentarei non ser víctima da miña preguiza e espero non decepcionarvos!
Moitos bicos :)