sábado, 30 de maio de 2009

SÍNDROME DE FELIPE ou PRINCIPIO DE DISPERSIÓN




Existe un principio básico do comportamento humano que funciona igual que a entropía. As persoas vagan libremente pola súa vida, coas súas ocupacións favoritas. Sae o sol, vamos á praia. Vaise o sol, vexamos esta peli, leamos este libro, etc. Incluso hainos que desfrutan máis facendo cousas produtivas! E no outro extremo os que desfrutan facendo NADA; nada de nada.


Pero dáse o caso de que se colles a todas esas persoas e lles impós certa tarefa pesada copiosa e sen copiar, todas tenderán a dispersarse máis nesas ocupacións predilectas. Incluso ás que desfrutaban facendo nada entrarálles gana de ir a praia, de ler, de facer un herbolario de fungos en perigo de extinción.



Como as tarefas impostas teñen sempre un prazo, prodúcese un fenómeno mediante o cal a reducción do tempo faise inversamente proporcional ao estado de alteración das persoas en modo de dispersión. É dicir, a parsimonia coa que se adicaban a estes pasatempos, que se alonxan dos impostos, nun principio vaise tornando en histeria propia dun bipolar ou dunha persoa con principio de desdobramento de personalidade. Isto é, fuxindo da obriga, acoden cada vez máis illadamente a "suh cosas" pero cada vez máis o resorte en forma de coello branco con reloxo de peto failles mudar a expresión e saltar do sofá entre "merda! non podo!", tirar o libro sobre a cama cun "coño, céntrate!" ou a pelota de teu amigo entre as ondas e abandoalo entre "teño que marchar! non me da tempo!".


Este incremento do desexo de facer certas cousas só polo feito de ter imposto facer outras é o que din en chamar O SÍNDROME DE FELIPE ou PRINCIPIO DE DISPERSIÓN. Para mín funciona paralelamente ao principio da entropía que di-referíndose neste caso a partículas-: todo tende ao caos.


Coido que todos sufrimos nas nosas carnes este terríbel fenómeno, ou como diría Soñadora "é algo que todos coñecemos". Din que se cura con "disciplina" que ven sendo o nome que nos colexios de monxas se lle deron a ir en contra das leis naturais.


Estades lendo unha clara mostra deste principio. Vou ver se fago algo do meu traballo pero non me penso resistir ás ganas de poñerme o bikini dentro dunha hora e saír darme un bo baño ao sol. ¡Que teñades unha feliz época de exames!




sexta-feira, 22 de maio de 2009

Asalto ás 6 a.m.







Imaxes orixinais: OPastor

terça-feira, 19 de maio de 2009

Xuntanza de pequenos dinosaurios


Tiña isto un pouco parado. Pero como a entropía andaba reinando polos mundos non- eléctricos marchei facer un pouco equilibrismo por eles. Esta é a imaxe linda que me levei de onte, 17 de maio, Día das Letras Galegas, de todos nós, os ursiños en perigo.
Seña porque marcho a cama e quería un conto lindo pra durmir como cando papá me dicía logo dun pesadelo "pensa en cousas bonitas", seña porque o retrato mo lembrou, aí vai un agasallo chusquiño.


sexta-feira, 17 de abril de 2009

GO RIMBAUD!

"Hai que mirarlle as tripas a tódolos monstruos"

Rapaza do Arco


Alén das linguaxes reais
hai unha gata que miaña,
Cos ollos desencaixados
E a melena a rastras
Unha Maga que non para de camiñar.

Bailando sobre o fuso que xira
No nome dos que a queren ver caer.
Xamáis dúas ás de vespa
Puxeran tanto medo nos vellos dos tirantes.
Morcego aterecido co sangue blues
Chiando as noites máis frías.
Quen ten o valor de dicirlle que non cante núa?


É máis ceibe do que serás na vida, Bob.
Deixadea voar
Ao cabo, quen sabe o que é normal?
Desconfían porque fai versos das cores
Que nin ti nin eu viamos.
Ollala é comprender o milagre,
A chave da Gloria dos Inmortais.
Se os idiotas souberan...
pero a quen lle importa o que non entende?

Eu entendín as súas mans de avoa recén Nada
E se mo pedise, aprendería os pasos imposíbeis
Para bailar con ela o watusi.
Bailaremos xuntas o watusi
para que nos chamen tolas

Eu vina, cosimos os ollos, e compartimos planeta

Un felino á espreita alén do cristal
En verdade saltou no soño
Atravesando o vidro
Sobre mín

Mil anacos afiados chovendo en slow motion
E eu baixo ela, co sorriso dos suicidas.


Nalgures os señores aferraron os tirantes sobre a panza
vendo como ela me ollaba con ollos marelos
Tumbadas nun chan de reflexos
Vin os sete arcos da vella
e ela cravou o fío
na comisura
e o sangue

que zugou

atravesoume

a boca


E a lingua
Xuraría que bailaba
Mentres chegaban

Os Cabalos.

segunda-feira, 6 de abril de 2009

O CARTÓN DE LEITE DE KEVIN COSTNER

En primeiro lugar quero deixar clara unha cousa: todo o mundo ten un pasado. Kevin Costner, por exemplo, tiña un pasado glorioso. Escarallouno si, pero era un pasado glorioso.


Dito esto confeso. Aos 11 anos estaba namorada de Kevin Costner. Coleccionaba fotos súas. Vin todas ou case tódalas películas del. Algunhas delas tiña que velas a escondidas, as de maior proveito polas escenas de sexo nas que me recreaba. As miñas tías por reis -aínda que elas eran máis de Robert Reford- agasalláronme cun super poster da súa cara bonita que puxen trala porta pa vela dende a cama.


Véndoo en perspectiva non é tan grave: nunca gostei de ningún triunfito, ou dos cachondos que nos empaquetaban na adolescencia. A mín me gustaba a cara de ver le lonxe de Costner, a súa pose de machote duro pero de doces ollos verdes e que no fondo sempre era boa persoa.


Hoxe, facendo zapping atopei unha peli relativamente recente que protagoniza: Mr. Brooks. O primeiro que pensei foi na frase de Cris de Family Guy "No lo entiendo. ¿Por qué siguen ofreciéndole papeles a Kevin Costner?". Depois, que era a mesma personaxe de sempre só que desta vez era un asasino en serie. Pero entón cheguei á escena! A imaxe que reproduzo aí arriba veu a corroborarme unha tese que durante a miña amplísima papación de filmes do actor vin elaborando:


¡¡¡¡¡¡¡¡¡En tódalas súas películas hai unha escena na que Kevin Costner vai ao frigo e bebe leite!!!!!

A cumbre do actor foi caseque o seu estrelato: Bailando con lobos. Dende entón todo o que fixo foi mierda. Eu teño a firme convicción de que o pobre pobre Costner, de recoñecido carisma seica, liouse coa moza do seu representante e a partires de aí os malos consellos levárono polo camiño do fracaso.


Pero o que hoxe quero exponer é moito máis interesante. Dende aquela en tódolos films que protagonizou, antes ou despois a súa personaxe acode á xeladeira (esceptuando Robin Hood e Waterworld por razóns obvias), extrae o cartón de leite e bebe -xeralmente a morro porque é moi machote, aínda que nesta imaxe dalle un toque de clase ao minucioso asasino usando un vaso-.

Diredes vós: "é unha imaxe común no cine americano contemporáneo"; ou "é que cenan moi cediño". Pero, coa seguridade de que ningún de vós se vai poñer a revisar toda a súa filmografía, podo afirmar e afirmo apoiandome no meu extenso coñecemento deste que non se trata dunha casualidade. É o toque Costner.
O detalle fíxome reflexionar. A qué se debe este xesto co leite? Atopei 3 posibles razóns:


a. A imaxe de home duro e seguro de si mesmo naceu como contrapartida á imaxe da personaxe principal do cine americano dos anos 20 a 40. Os güisquis secos ou con xeo, ou batidos sen mesturar estaban sempre tralo protagonista oscuro, crápula, tendente á depresión, mullereiro e ás veces misóxino. Esta linda imaxe, grazas sobre todo ao seu reflexo na vida real en persoeiros coma presidentes, etc. acabou por cansar. Agora o que mola é ser un americano sanote. Iso pon mogollón. Beber leite porque somos uns yankees seguros e dicir "Dios bendiga América".
... Oh, meu Deus! Kevin Costner é republicano!


b. Costner, vendo a que se lle viña enriba profesionalmente, contratou cunha multinacional de leite, a cambio de facerlles publicidade, unha comisión.


c. Trátase dunha aposta con algún compañeiro na súa etapa de estudante na escola de Arte Dramático.


Non sei, eu sigo a darlle voltas. Vos que pensades?

domingo, 5 de abril de 2009

Nace a primeira revista galega de banda deseñada



Este é Liam -aínda que me saíu cun aire a Tosar-. É fillo de Fran Bueno. Coñecino nunhas páxinas que recollen a primeira entrega de Amor Inmortal, do guionista estadounidense Jay Faerber. Trátase da revista Galimatías.


A verdade é que me sorprendeu gratamente o achamento. A revista ven con El Correo Gallego cada quincena. O venres pasado foi o primeiro número. Pensei que chegaba no momento xusto en que comezábamos a sentirnos ursiños en perigo de extinción, sen outra alternativa que recollérmonos nunha cova coas nosas ideas estrañas sobre algo chamado cultura nacional e minucias coma a lingua ou a identidade.


Lino na cama. Pola noite soñei con Liam. Dicíame que quería entrar pisando forte. Mesmo atopou refuxio nos mundos eléctricos. Pedíume que non o deixase desaparecer, que o pintase de vermello, a cor da língua e do sangue.

sábado, 7 de março de 2009

Lendas de pasión ou a peli do cachondo loiro


Onte na miña casa tivo lugar un estrano suceso que xamáis acontece: ceamos todos en familia coa tele de fondo. Para os despistados o elemento estrano é a TV acesa.

O asunto é que facendo zapping coa miña irmá atopamos a un Brad Pitt con melenas cachondérrimo e claro, calqueira cambia de canal así de primeiras. Meu irmán, que observou a nosa exaltación ante tan belísima fotografía, instounos a vela porque era "un peliculón". Ben, coas bromas (miña irmá adicouse a enriquecer as escenas máis emotivas reinventando os diálogos) papámola enteira.

Despois de chegar á conclusión de que o baremo cinematográfico de meu irmán reside na epicidade (patada á gramática! zas! en toda la boca!) da súa banda sonora -así os top de cine pra el son Braveheart, Gladiator e demáis aberracións- púxenme a pensar na natureza de semellante culebrón.

Foi primeiro o culebrón cowboiesco ou foi o "peliculón" do loiro cachondo. A verdade é que a peli baséase na novela "Legends of the Fall" de Jim Harrison, que non teño o máis mínimo interese de ler, e foi adaptada por dous guionistas: Susan Shilliday, guionista de I Dreamed of Africa (2000) Bill Wittliff, guionista de The Perfect Storm (2000). WOW.
Púxenme a pensar de qué xeito se poderían conseguir puntos (+culebrón). Se te pós ten que resultar todavía máis culebrónicamente insoportabel! Por exemplo:


1. Ten que durar máis. Polo menos unha hora.


2. Brad ten que facer máis escenas nú de cintura para arriba e preferíblemente suado (non é vicio, é visión comercial).


3. Non hai tres sen catro: un irmán máis. Pero se este cuarto irmán se liase e/ou enamorase da pobre pobre Suzanne pasaría de ser unha purísima muller víctima do cruel destino a ser un putón. Co cal, propoño que fose homosexual. E digo máis, que se namorase do indio melenudo (canta máis melena mellor, que ahí reside a pasión). E que supuxera un conflito para o vello pai porque descubriría o tórrido romance que manteñen o seu vello amigo e o seu fillo. Ao final hai unha humillación chunga ao pobre mozo por parte dos da vila e o asasinan. O indio fai un sacrificio e canta á lúa. Con moita música de corda in crescendo.


4.
Suzanne, cando se decata de que o seu amado Tristan vai casar coa india Isabel II, vai polo rancho a retala e pelexan por el. Tíranse das melenas.


5. Vese por qué a nai dos tres irmáns e o vello coronel William están separados. Trataríase dun conflito ético-moral no que ela, por exemplo, se vise involucrada na morte dun dos indios que viven baixo a proteción do Coronel. Ela líase cun alto mando, e lle revela o paradoiro do nativo. Captúrano e un noviño William LudLow fai unha épica carreira no seu cabalo pra impedir a execución do seu amigo nativo. In crescendo da banda sonora. Non chega a tempo porque cae xunto co cabalo por un precipicio e fica paralítico. Dende ahí non pode ver diante á súa muller.


6. Suzanne antes de suicidarse ten que rasgar as vestiduras e saír á rúa dando voces como poseída. Pégase o tiro diante do seu marido que vela o cadabre unha noite enteira.


7. O pequeno Samuel, morto en combate, se lle aparece a Tristán. É importante para o proceso de tolemia que sofre o cachondo loiro.


8. Nas escenas en interiores haberá sempre ventás abertas polas que entre unha brisa que faga ondear as melenas dos protagonistas.


9. O ollar de todolos personaxes ten que ser aínda máis épico. Un par de gotas antes de cada primeiro plano.


10. Cando por fin morre Tristan a toupas do seu tótem o oso, a cámara ten que ser lenta, non rápida. Unha vez finado haberá un plano no que unha luz saia do corpo inerte do bravo Tristan e ascenda até o ceo nocturno onde fique en forma de estrela por sempre. A música orquestral aquí é fundamental.


E máis nada. Marcho cenar sin TV. E a escoitar cómo meu irmán fai a súa propia música (épica?)